Sunday 28 de April de 2024

As obras de reforma integral da piscina municipal de Lousame están a piques de rematar


O Concello de Lousame aproveitará para acondicionar o peche perimetral, despois da ampliación da zona de praia

O Concello de Lousame está a piques de rematar as obras de reforma integral da piscina municipal, iniciadas o pasado mes de xuño e nas que inviste 114.500 euros. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “os traballos están practicamente acabados, a falta dunhas pequenas actuacións no vaso da piscina” e aproveita para adiantar que “debido á gran ampliación realizada na zona de praia imos proceder a facer un portal e acondicionar un novo peche perimetral”.
As obras, adxudicadas á empresa Jstop Obras y Servicios SL e incluídas no Plan Complementario do Plan Único 2019, supuxeron a demolición e reposición do antigo pavimento e do muro de peche, onde se procedeu a ampliar a zona de praia. “Esta ampliación da zona de praia é, quizais, a maior novidade coa que se atoparán os veciños e veciñas a primeira vista, así como as melloras na zona das duchas e mesmo na carpintería interior dos vestiarios. Pero durante os últimos meses tamén impermeabilizamos o vaso da piscina, para evitar fugas de auga, e importantes reparacións na sala de máquinas que redundarán nun mellor servizo aos veciños e veciñas de Lousame”, indica Teresa Villaverde.
Así, o vaso da piscina xa está impermeabilizado e só restan uns traballos de revisión e selado para a finalización da obra. Na sala de máquinas colocáronse unha nova electrobomba centrífuga, un novo caudalímetro electromagnético, unha nova sonda a nivel e un novo circuíto de tuberías, válvulas e accesorios precisos para o vaso da instalación. Así mesmo, instalouse unha nova fontanería na sala de bombas, un novo cadro eléctrico e dous novos reguladores do pH e do cloro da auga piscina.
Finalmente, colocouse unha rede eléctrica de distribución interior da sala de máquinas e colocouse unha nova instalación de electricidade para o alumeado exterior, con novas luminarias LED. Ademais, deixouse unha canalización en tubería de PVC para unha posterior instalación de paneis solares, un proxecto que o Concello de Lousame ten en estudo. Nos vestiarios substituíuse o alumeado interior e se actuou sobre a carpintería e as paredes, ás que se lles aplicaron tratamentos protectores (insecticida, funxicida e termicida) e contra humidades.